Mire que lle digo, Don Manoel! Que aquela noite na illa de Medal, na que Don Manuel
Quiroga aprendeulle a Muiñeira de Ponte Sampaio ao noso gaiteiriño Averomar,
campaban moitos galos naquel poleiro; a dicir del, demasiado galo para tan
pouca galiña. Dos mais non sabía o nome, pero había un ao que acaíalle, coma
chovido do ceo, o dito aquel de “diñeiro e santidade, a metade da metade”. Moisés
Álvarez O’Farril, era o seu nome, e Don Antonio Medal lle cedera un pequeno
forno en Arcade, licenza industrial incluída, orixe da gran empresa de cerámica
que Don Moisés montaría nos setenta. O pai de Don Moisés era, cousas da vida,
de Gomesende, na Terra de Celanova, e emigrara a Cuba, onde casara cunha afrocubana
de apelido irlandés, Clara O´Farril, da que Don Moisés herdara ese aspecto de mulato
subido que tanta risa lle daba a Don Antonio, lembrando que fora quen de
sacarlle cartos ao propio Franco, aínda que fora a costa dalgunha vaixela de
Santa Clara para Dona Carme. Un día Don Moisés enfermou a empresa quedou nas
mans dos seus dous fillos. E, mire que lle digo, Don Manoel, que moito me
acordo do que dicía o seu pai, falando das empresas familiares: “a primeira
xeración funda; a segunda engrandece e a terceira derruba”!
Ningún comentario:
Publicar un comentario