xoves, 10 de novembro de 2016

Primeira aparición de "O Rabioso"

Mire que lle digo Don Manoel! Que eu lle podería falar de moitos que están como unha cabra sen solta[1], pero a conversa do outro día tráxome aos mentes ao Asañado, aquel tenente da Garda Civil aos que os seus chamaban “El Rabioso” dende o día que entrou dacabalo na Porta do Sol arrastrando a un detido collido polos pulsos á cola do seu cabalo. Disque o detido era un delincuente ao que chamaban precisamente así, Rabioso, pero o meu pai dicía que non era tal, senón un camareiro do Sindicato do Transporte Marítimo da CNT, Xesús Lago Barbeito. Contaba tamén il que no camiño entre Alcabre e a Porta do Sol, o detido caera mais veces que cristo, e viña feito un nazareno pero sen roupa. Como viría o coitado que ata o Doutor Ubaldo Gil, que tiña alí a súa consulta, ao ver tal desfeita, meteuse a berrar “asasino, asasino” como un adoecido dende a súa ventá. E mire que lle digo Don Manuel, que ao Asañado non se lle esqueceu a ofensa e tivo ocasión de pedirlle contas cando o 27 de Agosto do 36 matouno coma a un can na tapia do cemiterio de Pereiró.
E, se non lle importa Don Manuel, ímolo deixar por hoxe, que sinto que a carraxe mórdeme o peito e a anguria apértame o corazón coma un novelo.



Nota [1] Estar coma unha cabra sen solta: non ter educación, ser un maleducado

Ningún comentario:

Publicar un comentario