mércores, 2 de novembro de 2016

Do galego e os galegos

Mire que lle digo Don Manuel! Farto me ten o de que cada amigo de alén, que carrexa vostede á taberna, en canto que bebe un pouco de mais, e o viño céiballe as amarras da educación e refréalle as do badalo, acabe cuspindo sentenzas, coma que bota barro á parede; que semella que os únicos galegos dos que sabe a xente de mais aló do Padornelo son Franco, Millán Astray e Rajoy. E mire que lle digo Don Manuel, que, ao meu parecer, ningún dos tres ten nada de galego, porque ser galego é amar a nosa fala, e a ningún deles se lle coñece mais que xenreira por ela. Que eu podo ser pouco estudado pero ben sei que se perdemos a nosa fala perdemos a nosa identidade, que non sei se terá que ver con esa teima de clarexar as cousas con outra pregunta antes de contestar, có feito de que unha festa non sexa tal se non se come a manchea e non se canta, ou con as escaleiras, pero, como cantaba Suso Vaamonde, que coma nós, era de Bouzas:

Galiza somos nos, a xente e mais a fala

1 comentario: