Mire que lle digo Don Manoel! Que hai xente que quere vivir toda a vida e
outra que non da vivido nin unha tan sequera. E que se os que mandan souberan
que íamos vivir tantos anos polo carallo poñían a xubilación aos 65. Que para
eles tiñamos que ser como o camareiro do Derby que morreu o mesmo día que se
xubilaba. Eu nono coñecín, pero quen contoume a súa peripecia é home de toda
confianza. O camareiro da historia se chamaba Ferreira, e era un traballador moi
mirado e cumpridor. Ferreira entraba de quenda o o día 31 de decembro, o mesmo
día que cumpría anos; sempre fora un home reservado e pouco falador, pero aquel
día, antes de rematar a súa xeira, veuse para o encargado e, nun fío de voz, pediulle
se podía cambiarlle a quenda, que algún mal presaxio aniñaba no seu peito. O encargado
negouse, pensando que ao que lle tiña medo o Ferreira era á moita faena que
había no Derby nas noites de Fin de Ano, e esqueceu o asunto; ata que chegou a
hora na que o Ferreira tiña que incorporarse ao traballo. O encargado preguntou
a uns e outros, pero ninguén lle botara a vista enriba. Noutro camareiro esta
falta de puntualidade non houbera suposto alarma ningunha, pero en cincuenta
anos de traballo aínda faltaba a primeira ocasión na que o Ferreira chegara
tarde. Así que, despois de informar ao dono, colleron Urzáiz arriba ata a casa
da Baixada á Estación onde o Ferreira tiña un cuarto en aluguer. Alí estaba; a súa
roupa de faena coidadosamente colocada nos pés da cama e il morto no baño. E mire
que lle digo Don Manoel! Toda unha vida a traballar coma a vaca do probe para
morrer sentado na cunca do váter!
Esta
historia é unha reelaboración literaria dunha historia real, polo que contén
algunhas inexactitudes. Don Albino Mayo Álvarez contribuíu co texto seguinte: Eu, aínda que era un neno,
estaba aí. O camareiro chamado Ferreira, morreu de repente a mesma noite de
cabo de ano, cando xa estaba preparado, como comprobouse, para ir a traballar
nesa xornada no que o bar estaba aberto ata o amencer. Era costume do meu pai
que a iso das sete da mañá, cando entraban os da nova quenda, pechaba o bar unha horiña para celebrar un almorzo
cos que saian de traballar e os que entraban, así como algúns familiares e clientes
asiduos. Ferreira caracterizábase polo seu peiteado, xa que era calvo polo
centro, pero deixaba crecer moito o pelo dun lado da cabeza para cubrila toda suxeitándoo
cun adhesivo que el mesmo preparaba.
Agredoce historia.... que ó fin é unha descarnada síntese da sempre dorosa e dorida relación patrón/traballador.
ResponderEliminar