Mire que lle digo, Don Manoel! Nin que dicir ten que o Averomar non embarcara para
tocar a gaita cando ía galerna, que no Gran Sol non pararía nunca de tocar, senón
pola súa habelencia coma carpinteiro, e coma tal tiña as nosas vidas nas súas
mans. Xa sabe Don Manoel que iso de que “dichoso aquel que tiene la casa a flote”
é cousa dos que nunca tiveron que gaña-lo pan traballando na pesca; polo menos
no Gran Sol, no que, como diciamos todos os que por alá andamos, so van dos
tempos, o malo e o peor! A gaita quedaba para aquelas raras xeiras nas que non
había mais quefacer que mirar para o mar intentando avistar peixe. O Averomar amornaba
un pouco a gaita, dáballe un aire a pallóns e palleta, e despois de preludiar cun
par de escalas, arrancaba cun aire festeiro ou soñador, segundo lle dera a
virada; e era cousa de ver coma a música amainaba o bruar das blasfemias, os
mariñeiros esquecían ás súas liortas, e ata o mar semellaba calmarse un pouco
para escoitar o cantar da gaita.
E, mire que lle digo Don Manuel! Ben pode dicirse
que naquel buque o Averomar tiña as nosas vidas nas súas mans cando reparaba
unha daquelas vías de auga, e a nosas almas nos seus dedos cando facía chorar a
súa gaitiña naqueles mares xeados, tan lonxe da nosa terra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario