mércores, 24 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (2)



(Fala dona Lola)

Ben me sabe don Paio que lle gustase a historia de Lois, un dos clientes habituais da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación. E por min non ha de quedar o relatarlle unha, ou se ven ao caso máis, peripecias daqueles habitantes da miña memoria que os anos aínda non lograron esborranchar dela.

E sen máis prólogo, introdución ou limiar, paso a referirlle o asunto.

Xaquín do Quinteiro.

Xaquín, o pai da Flor da miña memoria, era fillo dunha familia de labregos acomodados do Quinteiro. María, a súa nai, era de Basadroa, e Antón, o seu pai, de Artoño onde tiña un serradoiro con  moita actividade que dáballe moitos cartos. A familia vivía nunha boa casa de perpiaño, que estaba moi preto da igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. Aínda que na casa había posibles e o mozo fora de neno un moi bo estudante, quebrantando os desexos do rapaz e as recomendación do mestre da unitaria, rematados os estudos primarios Xaquín comezou a traballar co seu pai na administración do serradoiro, recibindo a cambio unha cantidade xenerosa que permitíalle mocear con desafogo, o que xunguido á súa guapura e boa planta dáballe unha chea de predicamento entre as mozas casadeiras da contorna. El a ningunha facía moito caso, porque era home formal e traballador, e conforme ao seu pensamento tiña outras cousas na cabeza que andar a enredar con amoríos que podían acabar en voda non procurada.

Pero ata ao mellor escribán cáelle un borrancho, e esta súa firme determinación e propósito de non deixarse enredar en amoríos, quedouse en viva estampa do dito popular, aquel no que o home propón, deus dispón e a muller todo o descompón. Como lle dixera a súa nai, María de Basadroa:

-  Meu filliño! Tanto fuxir por demais das boas raparigas e vas perde-la a chaveta por unha mala!

Porque a Morena era, para as xentes do lugar, unha mala femia; unha carrañosa, máis sucia que a parrumeira, que andaba pola aldea igual que unha porca de ranchos. E desvergonzada! Que era fama que non levaba bragas nin cando tiña o período, que moita xente lle mirara as pernas manchadas de sangue menstrual. O certo é que a Morena non era unha mala rapaza; un pouco asilvestrada si, e para o seu mal, que era filla de borrachos, e saíra adiante pola fortaleza do seu natural, tan privada dos coidados dos seus pais como un lagarto das silveiras.

Intentar torcer os mandados da natureza é tan inútil coma coller auga nun cesto, e o que ten que pasar pasa. Un día de agosto á volta da festa o viño e o baile fixeron a situación propicia; foi ollar para as carnes pretas da Morena, sentir no fociño a vagada do seu recendo a femia en celo, e percibir como o sangue ponse a bater aloucadamente nos seus pulsos. E na cabeza a vertixe de que todo xiraba ao seu redor non o deixa pensar nas consecuencias de deixarse levar pola enxurrada, que a xente de máis siso é quen, cando o perde, das maiores loucuras. Así que ó que coce e amasa de todo lle pasa. De terra fecunda e boa semente naceu un precioso meniño, ao que puxeron Flor na pía bautismal de San Cristovo de Borraxeiros.

Pasaron os anos e pasaron as calores primeiras. E as batallas amorosas no leito deixaron paso aos enfrontamentos, e as groserías da Morena, ao fin filla das súas circunstancias. Xaquín descubriu con dolor que ningunha outra cousa que a súa Flor uníalle á familia, e comezou a pasar cada día máis tempo no serradoiro e menos na casa. Trabou amizade cun carreteiro anarquista que, sabendo a afección que Xaquín tiña pola lectura, deixoulle un exemplar de A conquista do pan de Piotr Kropotkin, na traducción de León Ignacio para la editorial valenciana de Francisco Sempere. Aínda que as ideas libertarias eran demasiado para un pequeno burgués de corazón como Xaquín, o libro abriulle a mente a novas lecturas e novas amizades, singularmente as os agraristas de Solidaridad Gallega, ás xentes das Irmandades de Fala e ás do Partido Galeguista, e segundo me contaran participou con eles na Pelegrinaxe ao Candán de agosto do 33, a homenaxe ao 25 aniversario da Sociedade Fillos de Silleda, onde tamén estiveron persoeiros de moita sona como don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo, Blanco Amor, Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos, aquel que foi quen de librarse das poutas dos alzados facéndose pasar por un esmoleiro portugués: o “Siñor Afranio”.  

Esta mínima militancia, e ao mellor algunha xenreira de vello, costoulle a vida. Unha noite do inverno do 37, un sarxento da Garda Civil e uns falanxistas de Lalín o levaron de casa para, segundo eles, tomarlle declaración.

-  Tranquila miña rula! Volvo decontado! −díxolle á cativa.

Pero nin Flor, nin a súa nai A Morena, o viron nunca máis con vida. Un cazador atopouno medio comesto polos lobos e con catro tiros no peito e un na caluga, nas fragas do Farelo. E a probe meniña nunca máis puido escoitar dos beizos do seu pai aquela cantiguiña coa que tanto lle gustaba que a arrolara cando se ía a deitar:

O carballo dá bugallas,

e o castiñeiro ourizos.

Os ollos da miña nena

para min sonche feitizos

sábado, 20 de marzo de 2021

Clientes habituais e outras xentes peculiares. (1)

 



(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Arredor da tenda de Eulalia, a que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, viven na miña memoria moitas xentes peculiares. E moitas historias como as que xa lle contara da muller grosa coa face suorenta arfando de angustia porque íase polas patas abaixo. Ou a do garda civil de aduanas e a señora Virtudes. A do señor Amaro o inspector de Facenda e o pouco siso da señora Pilar. E aínda a de Trotski, o can de raza indefinida, a parella de periquitos sen nome, e Linda a gata obstinada en manter a súa felina independencia. E voto unhas risas lembrando ao meu irmán pequeno facendo saíres a gata de debaixo dun coche aparcado, imitando con especial acerto o ruído do motor ao poñerse en marcha.

Lois que tiña unha perna soia.

Outros clientes habituais da tenda dos que gardo boa memoria, eran a señora Lola e o Lois o seu home, un daqueles que chamaban cabaleiros mutilados porque perderan na guerra algún membro do seu corpo ou a súa utilidade. Por suposto sempre que tal incidente sucedera loitando no bando correcto! O dos vencedores! Cousa que algunha xente do barrio poñían en dúbida; algúns dicindo que no seu momento dera vivas á República, e outros que perdera a perna doutro xeito menos honroso. Nada diso tiña máis fundamento que rexoubas de maledicentes, que eu ben sei pola testemuña do meu pai, que tiveran que cortarlle a perna dereita nun hospital de campaña da fronte de Teruel, por mor da gangrena que estivo a piques de levalo por diante. Aquela morte non sucedida fixo de Lois un home de talante optimista fronte a tódalas dificultades. Algareiro e divertido, Lois traballaba na inspección da lonxa de baixura do Berbés, a única regalía que admitira pola súa discapacidade, e o seu bo carácter e notable disposición para axudar aos demais ganoulle moitos amigos entre a xente da pesca, co que na cociña da señora Lola nunca faltou peixe fresco. Lois estaba decidido a gozar daquela vida que o médico militar regaláralle cortándolle á perna polo fémur, bailando como o cadelo da cantiga “a muiñeira nunha perna soia” ou choutando por riba das lapas das fogueiras de San Xoán mellor que calquera rapaz, como se en troques de perna esquerda tivera un resorte. Un día deulle un mal aire e foise apagando aos poucos como a luz dunha vela. Cando tan mal se viu, aínda tivo rexouba abondo como para dicir aos amigos que o ían visitar:

-   Cando o mal é de morrer o mellor remedio é a morte!

E nun derradeiro alarde de humorismo gallofeiro deixou encargado á súa señora, e futura viúva, Lola, un epitafio para gravar na súa lápida:

Vin a este mundo chorando, e todos rían. 

Marcho e todos choran. E son eu o que ri.

mércores, 3 de marzo de 2021

A maldición dos mornos.


Mire que lle digo don Manoel! Don Luis de Altamira Toranzo era, cando eu o coñecín, un home fraco e osudo, pero aínda fino e lanzal. Vestido inverno e verán co mesmo terno luído e rozado en cóbados e cueira que xa pasara de moda nos anos da Gloriosa, malvivía dando crases particulares de matemáticas aos fillos da burguesía, pois os poderosos desprezan a cultura pero aman a ciencia matemática des que descubriron que con ela tamén se pode mentir. Don Luis completaba a súa exigua economía coa venda ambulante dos seus poemas autógrafos en follas voandeiras de meticulosa caligrafía por rúas e tabernas. E foi nunha destas incursións que chamoume fortemente a atención e decidín abarloar a miña barca á súa, que a auga de correr e a xente de falar non se pode privar, e ningunha chave abre mellor os pechos das almas que unha fecha de viño e unhas talladiñas de polbo. Aínda que logo cando fixemos amizade e tivo confianza abondo confesoume que nada lle gustaba máis que un prato de caldo e uns ovos fritidos con patacas, que tiña en máis estima que o mellor dos peixes do mercado de abastos. Caldo e ovos aos que, despois de moitas protestas, deixábase invitar por min que na súa carteira as pesetas nunca chegaban moito máis alá da segunda semana de mes.

Souben da súa boca que nacera nunha familia da burguesía vinda a menos; que estudara no colexio de San Luis Gonzaga, que os xesuítas tiñan no Puerto de Santa María; e que pouco antes da sublevación conseguira praza de mestre nunha das primeiras escolas de educación laica implantadas pola república. O 18 de xullo de 1936 sorprendeuno, como ao resto dos mestres españois, de vacacións. Chegáronlle noticias de detencións de mestres, dalgunha desaparición dun compañeiros, de casos illados de sacas e paseos. Pero, por que ter medo? El nada fixera! Certo era que afiliárase á Federación Española de Traballadores do Ensino da UXT, pero nunca tivera nin no sindicato nin na escola unha especial significación política. Non era home moi relixioso, pero como antigo alumno dos xesuítas tiña moitos compañeiros de curso entre os sublevados e, malo sería!, que algún deles non dera a cara por el. E así foi: ninguén o molestou; ninguén preguntou polo seu paradoiro, e alá en setembro reincorporouse sen máis ao seu posto na escola. Pero todo cambiara! Nada de educación laica, nada de educación integrada! Relixiosa e segregada! E un enorme crucifixo entre un retrato do “ausente” e outro do “presente” para deixar ben claras as cousas!

Chega novembro do 36. A recén creada comisión provincial de educación esíxe a todos os mestres, a todos!, que aporten probas da súa fidelidade ao Réxime como condición para seguir exercendo. Que facían antes e despois do 18 de xullo, como recibiron o alzamento, as súas filiacións políticas e sindicais, a súa actividade diaria e privada e que si sabían dalgún compañeiro desafecto. Á declaración debía ir acompañada polos informes favorables do alcalde, a garda civil e o cura. Se a comisión formada polo director do instituto, un representante da asociación de pais, "persoa de probada moralidade católica", un inspector e dous vogais de "solvencia moral e técnica” consideraba abondo acreditado esa fidelidade, podería seguir dando clase.

- Ningún afiliado á UXT conseguiuno! −apuntou don Luis mollando a palleta cun pouco Monterrei. −Estabamos infectados de republicanismo e podiamos contaxiar as mentes dos nenos e mozos! Ítem máis: cumpría aplicar un castigo exemplar a calquera que tivese a ousadía de pensar por se mesmo!

Conseguírono. O terror como método educativo instalouse nas aulas e os mestres que non tiveron a sorte de morrer fusilados pasaron no seu exilio interior a máis terrible purga profesional. Como don Luis! Intentouno todo: exercer en colexios privados cobrando unha miseria, dar clases particulares, traballar aínda que fora de peón de albanel! Nada! Boas palabras e sorrisos de ánimo pero nin cadela nin patacón para matar a fame mantendo a vergonza. Diante da imposibilidade de ganar a vida deixou o seu piso e volveu cos seus pais, que a fame compartida é menos fame.

Un día un antigo compañeiro do Gonzaga faloulle de que no Apóstolo Santiago de Vigo necesitaban un profesor de matemáticas, que haber estudado nos xesuítas podía ser recomendación abondo para acadar o traballo, e que poñer distancia dos seus orixes podería servir para que se esqueceran os seus antecedentes. Así que o noso don Luis, pechou os ollos, armouse de valor e colleu o monte de trens necesarios para tan larga travesía. Na estación de Vigo o estaba agardando un vello amigo dos seus pais que tiña en Bouzas un almacén de viños finos de xerez, ponche, anís coñac e outras espirituosas.

-  Estarás mejor en una pensión, que en casa mucho sitio no hay −. Seica foron as primeiras palabras que o almacenista de viños lle dirixiu.

-  No he traído mucho dinero conmigo, don José ...

-  No te preocupes. Tienes un mes de pensión completa pagado mientras no empiezas a trabajar.

Pouco durmiu aquela noite pensando en todo o que se xogaba. E se os xesuítas non lle daban o traballo? Ao día seguinte ben de mañanciña colleu o tranvía ata a finca de Bellavista, onde aínda hoxe está o colexio dos xesuítas. Agardaba por el o Padre Pardo, o reitor do colexio naqueles anos.

-   Don Luis de Altamira Toranzo, ¿verdad?

-  Yo mismo, Padre Rector. Encantado de conocerlo

-  ¡Así que estudió con nosotros en nuestro Colegio de El Puerto! ¡Muchos y muy buenos amigos tengo yo en esa hermosa ciudad! Ya sabrá por mi carta nuestras necesidades. Se trata de hacerse cargo de la asignatura de matemáticas de cuarto curso. ¿Se cree usted suficientemente capacitado para impartir este nivel de materia?

-  ¡Por supuesto Padre! Las matemáticas siempre fueron una de mis asignaturas favoritas.

- Bien. Las condiciones económicas ya las conoce. Supongo que puede incorporarse de forma inmediata.

- ¡Estoy impaciente por empezar!

-  ¡Estupendo! Pues por mi parte, nada más. Mañana en uno de los descansos entre clases hable con el Prefecto de estudios y le da toda la documentación. Ya sabe: título compulsado, certificado de penales, adhesión al Régimen y todas esas zarandajas.

Aquí o meu amigo tivo que parar o seu relato e aclarar a gorxa cunha fecha de viño.

- Xa ve meu amigo! A desgraza perseguiume ata Vigo. Por moi lonxe que levara os meus probes ósos, os malditos informes alcanzaríanme! Os malditos informes que nunca cheguei a saber o que dicían, pero que foron o suficientemente malos como para non deixarme ensinar nunca máis, expulsándome do sistema educativo, e o suficientemente bos como para non acabar no cárcere, nin nunha cuneta.

-  E logo? Non lle deron o traballo?

- Nunca o souben. Non fun ao Colexio, nin contestei as chamadas nin as cartas que me mandaron. E cando pasou o mes que estaba xa pago, cambiei de pensión sen deixar o meu enderezo.

A maldición dos mornos!, pensei para min. Como dicía Xoán o Evanxelista no Apocalipse: “Coñezo as túas obras, sei que non es frío nin quente. Oxalá foses o un ou o outro! Por tanto, como non es frío nin quente, senón morno, estou por vomitarche da miña boca”. Don Luis pertencía a esa caste de persoas que escapan do compromiso; que nun intre límite, como o que foi o  levantamento militar, non toman partido, pensando que a cousa non vai con eles, e que será mellor tratar de pasar desapercibidos. E son maioría. Esa maioría que permiten coa súa indiferenza que a maldade triunfe.

E mire que lle digo don Manoel! Isto non foi motivo para que afrouxara os afectos que polo poeta tiña. Moito cheguei a estimar a este home, tan seco como un bacallau e tan pouco dado as efusións de afecto como un miñato cos pitos. E esquecín á mantenta a súa condición moral, aínda sabendo que os verdadeiros culpables do horror cotián no que no que vivimos aferrollados máis de corenta anos, foron aqueles que, como don Luis de Altamira Toranzo, viviron sen merecer encomios nin  vituperio, que non foron fieis a nada nin rebeldes a nada, e que en toda unha vida de humillación e desventura só pensaron na propia supervivencia.

Ata as rachas das madeiras

son de varia condición.

Dunhas delas fanse os santos, 

e doutras faise o carbón.


martes, 2 de marzo de 2021

“A poesía é un arma cargada de futuro”.

 



#PoétiCamentE

Mire que lle digo don Manoel! Teño para min que se a poesía ven sendo a manifestación dos nosos sentimentos, emocións e reflexións por medio da palabra, se a devandita manifestación carece tanto de rima como de ritmo, poderá ser arrebato ou frenesí pero non poema, por moita actitude poética que poñamos na súa escrita e/ou lectura, recitado e declamación. E perdoen o meu atrevemento as señoras e señores poetas que me poidan escoitar, se me atrevo a pontificar ben por riba do meu coñecemento e as miñas habilidades, pero algunhas vantaxes teñen os moitos anos, e o dicir o que un pensa non e a menor delas.

Ven isto a conto porque no día que narreille as andanzas de Tomás Bullita o vendedor de pirulís da Habana, veume á memoria a persoa de don Luis de Altamira Toranzo, máis coñecido na nosa taberna do Mincha como o Migallas polo seu afán de aproveitar os restos do pan que lle caeran no mantel. Os dous homes chegaran da badía de Cádiz, dende a cidade e polo seu propio impulso o “Bullita”, e dende El Puerto de Santa María e fuxindo da represión franquista o Migallas.

Don Luis chegara a Bouzas de forma e en circunstancias que hoxe non veñen ao caso, na procura de esquecemento e invisibilidade. Seica cando chegou estivo a piques de traballar na súa profesión de mestre, pero ao final parou todo en fume e tivo que sobrevivir con clases particulares de materias varias, e poemas de encarga para folletos, xogos florais, programas de festas varias, e aínda para ágrafos na procura dos favores dunha dama. Épica, dramática, lírica, coral ou bucólica; arte maior ou menor: calquera métrica; décimas ou sonetos, tercetos ou cuartetos, calquera estrofa; e sempre rimada, de ser posible en consoante que ten moito máis predicamento.

Non era da mesma opinión, nisto da poesía, o señor Damián, un licenciado en filoloxía hispánica e poeta minimalista que traballaba na asesoría do meu amigo Antonio, aquel mozo do que xa lle falara noutras das nosas conversas, aquel que de tanto procrastinar arreo non preparara nin tan sequera a primeira das oposicións de instituto. Pero como a conta do padriño rebándase o pan trigo, e o pai de Damián era moi amigo de Antonio, o mozo entrou a traballar na asesoría, aparcando, aínda que fora brevemente, os seus afáns proselitistas na difusión no sur de Galicia da poética do silencio, unha sorte de minimalismo lingüístico, moi en boga, segundo el, nos círculos parisienses.

Damián tiña unha secreta frustración: sufría frecuentes ataques de auto odio por mor da súa figura, que consideraba non axeitada á súa vocación poética. Miraba ás súas mans pequenas e suorentas con dedos como chourizos, e as odiaba. O espello do baño devolvíalle unha figura de manteiga, redonda de cadeiras case que femininas, e renegaba da traizoeira herdanza xenética que gastáballe unha broma tan pesada. E para colmo de males tiña menos pelo que un ovo de galiña! Un erro da natureza! O seu pelo en troques de comezar no final do óso frontal o facía no occipital! Pero, que carafio! Inaccesible ao desalento seguía recolléndoo cunha goma nunha coleta, que era menos de poeta que unha melena solta, pero tamén podía valer!

E mire que lle digo don Manoel: dous poetas nunha taberna son demasiados poetas, e cunha parroquia tan afeccionada á troula o día no que os acirraran a un contra do outro tiña que chegar máis cedo que tarde! E foi unha das poucas veces que o Damián estaba a tomar unha cunca co seu xefe, cando entrou pola porta o Migallas ofrecendo á concorrencia os seus poemas de fermosa caligrafía, o que Antonio aproveitou para aguilloar ao seu empregado.

-  Damián −dille o Antonio−. Ti que es poeta, por que non lle compras un poema a don Luis?

-  O sinto don Luis! Non teño nada contra vostede pero a poesía que fai non me gusta.

-  Estás no teu dereito! −Responde don Luis sen alporizarse nin un pouco, como quen expón unha evidencia científica−. A min tampouco me gusta a súa.

-  Tampouco me sorprende. A miña poesía é lingua dos escollidos, palabra do solitario que non procura adulación! Arte de falar nunha forma superior, exemplo, revelación e danza!

- Danza non sei se será, pero música seguro que non. Que os seus versos non teñen rima, cousa que non é grave, pero tampouco ritmo. E o ritmo é a música do verso, e sen el os versos son unha zaragallada de sons inharmónicos ao oído, e confusos ao entendemento.

- E quen dixo que a poesía ten que ser intelixible? O mundo no que vivimos é moi complexo, e a nosa comprensión da realidade fragmentaria; como a miña poesía. Cada unha das palabras de cada un dos versos dos meus poemas non é filla do azar! É, pola contra, froito do cálculo máis preciso.

-  Froito do cálculo será, pero non comunicación! E nada que non axude ao crecemento persoal do lector, á súa autonomía persoal, sentido crítico e independencia, merece ser chamado poesía.

Damián remóvese inquieto na súa cadeira. Sabe que está a perder o debate, e que os que están nas proximidades coa orella aberta xa teñen un gañador claro. Nestas circunstancias nada mellor que recorrer ao insulto e a descualificación persoal.

-  Poesía social! Que noxo!

- A actividade poética é revolucionaria por natureza. A poesía é coñecemento, salvación, poder. A poesía non interpreta o mundo; crea outro novo! É un exercicio espiritual, é un método de liberación interior.

-  E se é vostede tan revolucionario non sei como non estivo nunca no cárcere! Ou morto nunha fosa común!

Don Luís, que por un momento deixara de ser o Migallas, acusou o golpe. O sangue abandonou o seu rostro, afrouxáronselle as pernas e estivo a piques de caer ao húmido chan da taberna. Apertou os dentes con forza e cun esforzo titánico recobrou a perdida compostura. Recadou os folios cos poemas que deixara no mostrador na barafunda da discusión, e deu a volta para marchar. Eu non podía permitir que don Luis marchara sen máis, así que collín o seu brazo e o fixen sentar canda min.

-   Don Luis − díxenlle con agarimo−. A vostede, que tanto gusta da copla popular, que lle parece esta?

Cando a lebre diga misa, 

o coello sexa abade,

e o raposo frade,

deixarei a túa amizade.

Don Luis sorriu e puxo a súa man no meu ombreiro.

-  Meu amigo! Vostede ben que me entende!

Sentín que fixera algo acaído ao momento, e que naquel intre nacera unha amizade que nos acompañaría ata a morte. Como así foi, e así heillo de contar cando chegue a ocasión.

venres, 19 de febreiro de 2021

Pirulí de la Habana!

 


(Mirequelledigo contesta a dona Lola)

Mire que lle digo dona Lola! Teño para min, aínda que sexa sen moitos datos que avalen tal opinión, que o “pirulí da Habana” chegou de Cádiz a Vigo por mor das moi boas relacións que houbo sempre entre os armadores de pesca de ámbalas dúas cidades. Avala tal opinión o feito de que a primeira persoa á que vin exercer o digno oficio de vendedor de tales lambetadas diante da porta de entrada do Teatro Circo Tamberlick, que na antiga rúa do Circo promoveran Augusto Bárcena Franco, Francisco Martínez Villoch e Mariano Pérez, de nome Tomás e alcume “El Bullita”, tiña tal procedencia. Seino ben porque foi, brevemente, noso compañeiro de fatigas nun bou de altura dos do Gran Sol, nos anos nos que eu inda andaba nas faenas de cuberta, e o Tiniño nin soñara con coñecer a Aileen, a enfermeira de louros cabelos que lle roubaría o corazón.

Tomás era home, citrino de pel, mirrado como un pau de virar tripas, pelo moreno e encaracolado, bulideiro como un axóuxere e máis falador que un escribán. Eu, vostede xa me coñece don Manoel, tampouco son dos de estar moi calado, pero sei estar como unha pedra nun pozo se a historia paga a pena. Unha noite de encalmada, rumbo ao caladoiro, achegouse canda a min e díxome polo baixiño:

-   Dicen que a nadie le amarga un dulce, pero, ¡ya ves!, yo estoy aquí escapando de esos dulces.

Acomodeime na amura e puxen a orella a pacer, que o ceo estaba ateigado de estrelas, o mar mainiño como un arrolo e o traballo afastado no tempo. Segundo me contou, María e Manuel, os pais de Tomás, tiñan unha minúscula industria de pirulís e garapiñadas, coa que ían trampeando un pouco a miseria dos anos da posguerra. A nai facía os doces, o pai os envasaba e o irmán maior de Tomás collía as varas do carriño de dúas rodas de bicicleta e toldo roxo e branco, para ir a vender polas estreitas rúas do Pópulo e o Mentidero a súa mercadoría. Un día o pai de Tomás espertouno coa noticia:

-  ¡Arriba holgazán! ¡Tomas la alternativa entre las varas por espantá de tu hermano!

O da espantá do irmán, non era tal, senón simple cansazo e desesperación do moito traballo e pouco rendemento que a venta de lambetadas tiña para un rapaz novo como el; que nunha cidade de tradición mariñeira e pescadora, o mar era unha oportunidade de ter un futuro mellor, e no María Teresa, un pesqueiro de altura que Francisco Márquez estaba aparellando para ir ao Gran Sol, ofrecéranlle un posto de sollastre na cociña, que se as cousas do mar non se lle daban mal, podía ser un bo comezo e, quen sabe?, ata chegar a ter un pesqueiro de seu!

-  Ese Márquez do que falas, sabes se era galego?

-  ¡Tan gallego como tú! ¡Y hasta creo que de Bouzas!

-  Pois pode ser o que eu digo! Era un rapaz que xogaba moi ben ao fútbol. Corría as bandas como un foguete; chegaba ao córner, centraba e puña a pelota na cabeza do dianteiro cunha precisión que acolloaba! Estivera no Rápido de Bouzas ata que fichou polo Español de Cádiz, polo que todo coincide.

A marcha do irmán maior foi para Tomás un desgusto e unha frustración, pero tamén  unha boa aguilloada para agardar con ledicia o paso dos anos que lle permitira procurar a liberdade, como fixera o seu irmán.

-  Al rico pirulí! Pirulí de la Habana que se come sen gana!

Contoume que o pirulí ten esa forma de cono aguzado, pola forma do caparucho de  penitente que levan os nazarenos nas procesión da semana santa de Cádiz, e que con cada unha das confrarías, diante do penitente que carga a cruz de guía, vai sempre o vendedor de pirulís ofrecendo a súa doce mercadoría aos moitos espectadores das beirarrúas, e que se non fora pola moita competencia desleal que neses días xurde ata de debaixo das pedras, non sería tan mal negocio. De feito cando fartou de golsar ata a primeira papa cada vez que ía mala mar, cousa que vostede sabe don Manoel, que é un día si e outro tamén, decidiu quedar en Bouzas, que o mercado de lambetadas en Vigo estaba pouco traballado e a fabricación de pirulís tampouco requiría de moita inversión. Os paus llos facían na carpintería da rúa Alfolíes, a bandexa cos moldes un amigo de Talleres Reyna, o caramelo facíao el con azucre de cana e auga, e o papel de diversas colores, rosa, verde ou amarelo, da papelería Porras. A calidade do papel é importante, porque se o pirulí non está ben feito, colleu humidade, o mollouse coa chuvia, non darás despegado o papel de mala calidade do caramelo. E non; non hai pirulís de sabores. O pirulí sabe a caramelo, e punto. Caramelo que compre lamber e non morder, porque cando vai calor forma unha masa pegañenta que adhírese aos dentes e logo non hai máis xeito de librarse del que deixar que a saliva vaia facendo o seu labor.

Un día fun ao cine Tamberlick e o Tomás non estaba alí. Preguntei a don Fernando e me dixo que recibira unha carta da súa familia de Cádiz, da quen non sabía obxecto nin contido. Uns meses despois aínda non volvera e que a táboa con buratos onde metía os pirulís cabeza abaixo aínda estaba gardada onde a deixara. Nunca máis souben de Tomás “El Bullita”, pero sempre que vexo un carriño de lambetadas recordo aquela noite na que o ceo estaba ateigado de estrelas, o mar mainiño como un arrolo, o traballo afastado no tempo, e o Tomás me contaba cousas da súa nenez polas rúas de Cádiz, entoando o seu refrán:

-  Al rico pirulí! Pirulí de la Habana que se come sen gana!

luns, 15 de febreiro de 2021

Eulalia, a da tenda de contos. (3)

 


Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, que estaba nos baixos da miña casa na baixada da Estación, é o invariable pano de fondo dos recordos da miña nenez. Aínda hoxe podo pechar os ollos e revisar recanto por recanto canda unha das partes dela! No fronte, nada máis baixar os dous chanzos que daban acceso á tenda estaba o mostrador de madeira cunha peza móbil a xeito de tampa fixada polo bordo con gonzos para pasar ao interior. Este mostrador tiña no seu fronte un vidro polo que os cativos axexábamos os botes de cristal cheos de lambetadas.

-   Lali, déame un patacón de bolas de anís! E que sexan azuis e roxas!

-   Iso si que non pode ser! As que saian saen, e da color que saian! Que acaban todas polo chan e logo non as dou vendido!

Un patacón, ben o sabe vostede don Paio, á que tamén chamabamos “perra gorda”[1], era unha moeda de dez céntimos de peseta, e con ela podías mercar unha boa presada delas! Por un pouco máis podías comprar un cadradiño de pan de figo, un doce que facían con figo en cachiños, semente de sésamo e améndoa moída, posta entre dúas follas de oblea e envolta en celofán, cun cromo dun dos futbolistas dos equipos de primeira división; goma de mascar das marcas Cheiw e Bazoka, que tiña a sona de facer globos máis grandes, “chicle Bazoka estira y explota”, ou un pirulí da Habana.

Riba do mostrador estaba a balanza de ferro daquelas de dous pratos, co seu xogo de pesas na caixa cos seus buracos, o surtidor de aceite comestible a manivela, coa súa chapa de “Hai un xogo de medidas a disposición do público” que tanto nos chamaba a atención, unha gran caixa de galletas variadas, os chocolates, con leite e o de facer “á taza”, e unha cesta con barras pequenas de pan para os bocadillos. Nun lateral unha queixeira coa tapa de vidro e unha base de madeira, e dentro unha tetilla co seu marmelo e queixo de bola, que moitas mais variedades de queixo, non había.

Detrás de Eulalia estaban os andeis. Un coas cousas de limpeza, pedramol, lixivia, e demais, e outra coas caixas de froita de temporada, un par delas para a froita mazada que vendía a menor prezo. Logo estaban os caixóns das legumes, o azucre, o arroz, e todo o que se vendía polo miúdo nun cartucho de papel de estraza. Penduraban do teito chourizos e longaínzas, e a omnipresente piña de plátanos de Canarias. Á dereita de todo, conforme entrabas de fora, estaba, sempre pechada, a porta prohibida. Porta que daba ao carto de atrás onde Eulalia agachaba o café, o rubio de batea e algunha outra miudeza de contrabando.

E logo os contos. Contos por toda a tenda. Dende os vidros das portas de entrada ata as cordas que cruzaban cada recanto da tenda, de onde colgaban, suxeitos con pinzas da roupa, os tebeos e novelas gráficas das que xa lle falara. E montes de novelas de vaqueiros para alimento espiritual dos carreteiros da estación de ferrocarril. E as de Corín Tellado que algunha vez tamén vin coller, non sen certa vergoña, a algún deles. A tenda de Eulalia era a nosa biblioteca; de pago, porque trocar os tebeos tiña o seu (mínimo) prezo, pero pública porque os dous banzos na entrada estaban sempre cheos de rapazada, que ler en compañía sempre foi moito máis divertido. A tenda representaba para uns nenos que non sabían o que era unha biblioteca pública a nosa cova dos tesouros onde vivían o Capitán Trueno e Sigrid, el Jabato, don Pantuflo, Zipi e Zape, Carpanta e o reporteiro Tribulete.

Eulalia sempre tivo canda ela can, paxaros e gato. Can pola compañía, que Eulalia non chegou a ter fillos de seu; paxaros pola música do seu canto, que os radios ían moi caros para poñer algún na tenda; e gato como o máis eficaz dos sistemas de control de pragas, que non son soamente eran os ratos, senón tamén as cascudas e outra bichería miúda. A min encántanme os gatos. Máis que os cans, que tamén, pero estimo máis aos gatos polo limpos, e independentes. Limpos os que máis, que andan todo o día ocupados no seu aseo persoal, non verás gato ningún que queira entrar nun lugar cheo de lixo, nin gato que faga ás súas necesidades fora do seu areeiro. E orgullosos da súa independencia, que soamente deixaranse acariñar cando, e por quen, lles preste a eles. A diferenza dos cans, un gato só comerá cando teña fame, actuará cando o vexa oportuno e nunca se renderá cando queira conseguir algo.

Pero, non sexamos coma quen fai o aro e non ten o cesto, esbardallando coma unha peixeira! Un can, dous paxaros e un gato tiña Eulalia. Un can de raza indefinida que atendía por Trotski, unha parella de periquitos que non tiñan nome, e unha gata de nome Linda obstinada en manter a súa felina independencia. Linda andaba ao seu aire pola tenda, comendo cando tiña fame, bebendo cando tiña sede e procurando aloumiños e rascadelas no lombo cando tal cousa lle viña en gana. Se non había máis cousas que facer, e consideraba que a súa obriga de eliminación de pragas estaba cumprida ao xeito, liscaba devagar pola porta da tenda, paseniño, procurando que ninguén se decatara da súa marcha, e ousara coutar ás súas arelas de exploración da paisaxe cidadá. O máis habitual era que Eulalia tardara un pouco en caer na conta da ausencia de Linda, pero cando tal cousa acontecía era de ver a cerimonia policial de “busca e captura” que as ordes de Eulalia desencadeaban.

-  Trotski! Vai buscar á Linda! −ordenaba a tendeira, con voz firme e severa, pero moderada no seu volume; que o can tampouco necesitaba de moitas arredas para cumprir tan gorentoso traballo.

Trotski era o que poderiamos chamar un can flegmático, máis non pachorrento ou cachazudo. Tomaba o seu tempo ata para os traballos que mais lle gustaban, como o de rillar nun óso de vaca da carnicería da señora Sefa; ou este de traer de volta á Linda. Érache cousa de ver o sorriso pícaro, se que que tal xesto pode haber na cara dun can, que iluminaba os seus ollos cando entraba pola porta da tenda coa súa presa collida por unha orella! E non era un día o que isto sucedía, senón tantas e tantas veces que a probe gata chegou a ter unha ferida na orella por onde o can a amarraba, para facela tornar á obediencia familiar, sen que nos cansáramos nunca de rir diante de tal cadro!

Logo Linda morreu, e Eulalia tivo outro gato que levou por nome Tigre. Pero isto xa é, como di vostede, fariña doutra maquía, que hoxe marcho que teño que marchar.



[1] As moedas fraccionarias da peseta tiñan os seus nomes cotiáns. Unha “perra chica” eran cinco céntimos de peseta; unha “perra gorda”, como queda dito, dez céntimos; un real 25 céntimos e dous reais 50 céntimos. 

venres, 5 de febreiro de 2021

O liscanzo astronauta.

 

Mire que lle digo don Manoel! Que tempos estes nos que xa ninguén quere que os nenos enfronten os seus medos, tristuras, rabias ou vergoñas! Nin tan sequera uns poucos minutos de saudábel aburrimento! Cando están ledos ou entretidos ninguén temos problemas en aturalos,  o malo está cando queremos un pouco de tranquilidade, e o neno reclama a nosa atención e coidados. Daquela o máis rápido e efectivo é meterlle ao picariño un chupete entre os dentes, para que teña algo no que se entreter. Nada novo, don Manoel, que xa os construtores de pirámides dábanlle aos cativos efixies de barro recheas de mel. Hoxe a electrónica veu botarnos unha man e temos chupetes máis eficaces: os teléfonos móbiles. E se non funciona sempre podemos volver ás vellas receitas:

Cando o neno chora cómpre o limpar,

fartalo de leite e o acariñar.

E despois de todo se non quer calar,

dea media volta e déixeo chorar.

Que tampouco cómpre esquecer que como di o refrán “o neno chora polo seu ben e o vello polo seu mal”!

Non me teña, don Manoel, por inimigo do progreso, que tal non son! Soamente advirto que ne quid nimis, nada en exceso, e que cando o neno abandona os xogos de grupo para refuxiarse nas máquinas pode chegar a ser un túzaro sen ningunha habilidade nin interese en comunicarse cos demais. E xa sabe, don Manoel, aquelo que di que “para os nenos os xogos non son tales, senón as súas máis serias actividades”, e que “o home non deixa de xogar porque se faga vello, senón que se fai vello porque deixa de xogar”.

Aínda que non é menos certo que para ser un túzaro non se necesita un móbil. Porque o Xosé, o fillo do meu amigo Diamantino, era túzaro de seu, sen necesidade de ferramenta ningunha que o fixera máis apartadizo. Aló polos anos sesenta a familia deixara os aires de Bouzas polos do Calvario, e o Xosé pasara de xogar ao gua, á buxaina, ao cravo e á billarda na Alameda a face-lo mesmo no Campo das Caralladas.

O Xosé tiña un único amigo: Álvaro, o fillo duns veciños dos seus pais que quedara co corpo deformado e as pernas paralizadas por mor da polio, aquela maldita enfermidade que deixou a moitos nenos moi mancados de corpo e alma naqueles anos sesenta. O que empezara sendo soamente unha tarefa imposta ao Xosé polos seus pais que consistía en recoller ao Álvaro da parada do autobús do colexio dos xesuítas, dos “corvos” pola color azul escuro dos seus uniformes, e axudalo a chegar á súa casa, acabou en amizade por mor do forte vincallo que a xenreira á aquela obriga provocaba nos dous. Aínda que, como tantas veces sucede, os dous amigos non podían ser máis distintos entre eles; alto e forte coma un carballo o Xosé, eivado das dúas pernas e miudiño como un gorrión o Álvaro; máis zoupo que un burro atado a un poste o primeiro, lizgairo como un esquío o segundo; triste como prado sen rego un, ledo como unha gaita nas festas o outro; a súa asociación os facía fortes e resistentes fronte ás risas e as burlas do mundo, do mesmo xeito que un lique, feito da simbiose dunha alga e un fungo, e moito máis resistente á secura, ao frío e á calor que cada un deles por separado. E se o Xosé estaba presto a ceibar unha labazada ao primeiro que ousara facer a máis mínima referencia a discapacidade física do seu amigo, Álvaro nono estaba menos para inxuriar, vituperar e ferir coa súa afiada prosa ao que intentara burlarse da pequenez mental de Xosé.

Álvaro gustaba moito da lectura; lía disto, destoutro e do de máis alá. Pero nestas nas que andamos estaba especialmente enguedellado coa ficción científica. Descubrira que despois de Tarzán, Edgar Rice Burroughs escribira unha chea de novelas coas aventuras dun tal John Carter en Barsoom, o nome que os marcianos dábanlle ao seu planeta, e despois dunha breve incursión polos Clark Carrados, Johnny Garlan das novelas de “a duro” das editoriais Molino e Toray, recalar nos Heinlein, Wyndham, Clarke ou Asimov da colección Nebulae. Todas estas lecturas inzaban o seu peito de esperanza, soñando que, libre da gravidade da terra, podería ceibar as pernas dos ferros, parafusos e bisagras, que no espazo non necesitas muletas! As lecturas e a realidade, que andaba moi emocionado contándolle a Xosé as fazañas de Yuri Gagarin.

-          Manda truco! E disque foi nun foguete?

-          El ía nunha cápsula. O foguete ía empuxando.

-          Como un deses das festas?

-          Supoño que si pero máis grande.

-          E non poderíamos nos facer un foguete e mandar alguén ao espazo?

-          Se ves que tal ao fillo da Xenara que non deixa de chorar ...

Pasaron os días e a idea ía callando na vontade de Xosé e no enxeño de Álvaro. Restos de foguetes das festas para o corpo e a cana de estabilización había abondo no campo das Caralladas. E pólvora para a propulsión non era moi complicado de fabricar: 15% de carbón vexetal; 10% de xofre e 75% de nitrato potásico. O carbón vexetal de queimar anacos de polas mortas nunha fogueira; o xofre de matar os ácaros das galiñas e o nitrato potásico do  fertilizante das leiras. Machucar e mesturar todo nun morteiro da cociña de casa, encher o corpo do foguete con ela, pechar a tobeira de saída con arxila e a mecha dun chisqueiro. E no papel de Gagarin un liscanzo daqueles que algúns chaman serpes de cristal.

-          E que ven sendo iso que pon no casco de Gagarin? -preguntou o Xosé

-          CCCP,  que quer dicir Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.

-          E logo! Non era ruso?

-          Tamén, pero o importante é que foi o primeiro home no espazo! E sabes o que dixo cando chegou á terra?

-          Conta! 

-          Que alá arriba mirara e mirara, e ata abesullara, e que non vira a ningún deus alá arriba!

-          Que animal! Se o collen seguro que o fusilan!

-          Non tal! Que é soviético, e alá está prohibido crer en deus! -aclarou Álvaro.

-          Que cousas! Sexan uns sexan outros, todos son a prohibir á xente a pensar o que queiran!

-          Tamén dixo que dende alá non vía fronteira ningunha; so unha terra fermosa que cumpría salvar.

-          Iso gústame máis!

Chega o día do lanzamento. Vai un sol esplendoroso e non hai nin unha nube no ceo. десять (desâtʹ), девять (devâtʹ), восемь (vosemʹ) ... fai a conta atrás Álvaro imitando aos seus colegas do cosmódromo ruso. Ala vai o foguete, dereito como un fuso! Entón, cando o foguete está no máis alto da súa traxectoria un golpe de vento o afasta da vertical e os nosos aprendices de fogueteiros o perden de vista.

-          Calquera sabe onde foi a parar! −laméntase Álvaro.

-          Si. −rosma o Xosé por toda resposta.

Días despois souberon algo máis. Corría polas tendas dos Choróns o sorprendente caso, peripecia ou incidente, que lle pasara á Marica do Coxo, á que chamaban “A gata” polos seus fermosos ollos verdes. Disque, aproveitando o bo tempo, estaba a poñer a roupa ao clareo cando caéralle do ceo un liscanzo vivo enriba da cabeza! E que ela soubera aqueles bichos non voaban, nin había no campo, nin nas casas dos arredores, ninguén que llo puidera chimpar con tal precisión riba do pelo recen peiteado de perruquería.

E mire que lle digo don Manoel! Estaríache bo o choio que o noso amigo o liscanzo astronauta marchara de volta para o campo das Caralladas entoando polo baixiño aquela de:

Fun a taberna do meu compadre

Fun polo vento e vin polo aire.

Foi como cousa de encantamento,

que fun polo aire e levoume o vento