Mire que lle digo, Don Manoel! Que ben sei que algúns andan xa inquedos coma o rabo
da vaca no mes de agosto pola historia do mariñeiro de Bande; ou para ser mais concretos,
da parroquia de Santa Olaia de Portela, concello de Verea, no que chaman a terra
de Celanova, que eu chamaría terra de Poetas, porque desa terra son Curros, Elices,
Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín. Non
me perdo Don Manoel, que o prometido é débeda e, coma se me puxeran un foguete
no rabo, volvo a historia do meu amigo Tiniño, ao que os mais do buque chamaban
“Averomar”.
Constantino Domínguez, o Averomar, era un rapaz
espilido, que aprendera a tocar a gaita case que antes que as catro regras, ao
que deseguida os horizontes de Celanova se lle fixeron pequenos. Tino escoitara
falar do mar a un primo de Santiago de Verea que fixera o Servizo Militar no
Ferrol, e quedara tan engaiolado polos relatos do primo que, as veces, o vento
de poñente semellaba que trouxera á súa casa o recendo a algas e salitre. E,
coa axuda da súa gaita, foi seguindo ese chamado, polas festas e romarías da
contorna, sempre cara ao fusco, seguindo o camiño do devalar do sol.
E mire que lle digo, Don Manoel! Que o meu
Averomar, ou A-Ver-o-Mar coma din na Póvoa de Varzim, era un gaiteiro do mar
por partida dobre, porque Manoliño de Donón ou Lito de Pinténs, eran de orixe
mariñeira de seu, e o meu Tiniño tiña o mar tan lonxe na xeografía coma preto
no corazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario