martes, 18 de outubro de 2016

A illa de Antonio Medal

Mire que lle digo, Don Manoel! Que hai una peza das que tocaba Tiniño, o meu Averomar, que ten para min un especial aquel: a Muiñeira de Ponte San Paio. No seu achegamento á costa, Averomar non seguira un camiño recto, senón que saltaba de feira en feira, por Quintela de Leirado, Crecente, A Franqueira, Rebordechán, seguindo pola terra de Montes, por Fornelos, Moscoso, Chaín, Amoedo, ata chegar a Soutomaior primeiro e a Arcade despois. Contoume Tiniño que cando xa rematara a festa achegouse a el un home de boa fachenda que díxolle que lle gustara moito o seu xeito de tocar “pechado”, e que se quería ir a noitiña ata á súa casa a tocar para uns amigos. Averomar pediulle a dirección e o home sorriu e díxolle:
-          Ti pregunta pola Insuíña, ou se queres pola Illa de Medal – para engadir de contado – Medal son eu.
Cando Tino, tras cruzar a ponte levadiza, chegou ao portalón con pináculos que daba entrada á illa, estaba agardándolle o propio anfitrión, Don Antonio Medal Carrera, que botándolle un brazo por riba do ombreiro, presentouno aos invitados, con estas verbas:
-          Meus queridos amigos: este é o gaiteiro de que vos falei. Xa comprobaredes por vos mesmos coma soa ese instrumento “tan desagradable”,  nas mans dun bo gaiteiro.
Averomar armou a gaita e comezou a tocar. Alalás, pasacorredoiras, xotas, foliadas, e tódalas castes de muiñeiras, vellas, novas, carballesas e ribeiranas, repenicaban nas pedras no pombal que o pintor convertera en adega, acariñando a vizosa paisaxe da foz do Verduxo.
E, mire que lle digo, Don Manoel, que aquela noite Averomar sentiu que a gaita turraba del alzándoo no aire e o levaba navegando nas ondas do mar de Vigo lixeiro coma unha dorniña polbeira!

Ningún comentario:

Publicar un comentario