¡Mire que lle digo Don Manoel! Que esa netiña súa vaille saír arqueóloga,
ou cousa desa fasquía, enzoufada sempre coas pedriñas, que digo eu, que cousa
lle verá as pedras que nos non vemos?, que sempre que atopa unha de traza singular
a mete no peto. Entón é cousa de ver coma relocen faíscas nos seus olliños
cando lla leva á súa aboa. Entón un entende o verdadeiro sentido da palabra “pedra
preciosa”. E mire que lle digo Don Manoel!, que as mais mais das veces soamente
nos ollos dos nenos se pode ollar a bondade verdadeira, e que a miúdo virá despois
a vida a emporcar toda esa beleza! E que de nenos rebuldeiros e agarimosos
virán despois todos eses adolescentes lacazáns, mozos hiperactivos enzoufados en
amargarnos a vida, maduros teimando por atopar unha oportunidade de
corromperse, e vellos prosmas dando a roncha. Pero mellor non darlle moitas
voltas as ledicias para mirarlle as costuras, que compre aforrar das risas de
hoxe pra ás choras de mañá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario