Mire que lle digo, Don Manoel! Que
foi o curmán do Constantino o que lle trouxera da súa estadía no Ferrol, coma
un precioso agasallo, o devecer de Tino pola mar, degoro que valeulle o alcume de
Averomar. Filipe, que tal era o nome do que foi primeiro mariñeiro á forza e
namorado da mar despois, ten tamén un oco moi especial nas miñas lembranzas. O Filipe,
tiña o seu berce nun pobo do mesmo concello, Santiago de Verea, que está cheo
de pedras dos romanos e mesmo de antes deles. Quizais por iso Filipe tiña unha
querenza especial polas pedras antigas que atesouraba con afán. A peza mais
fermosa da súa colección era un ara sepulcral coas letras IOV, que un Deán de
Celanova lle dixera que era algo así coma Iuppiter Optimo Maximo. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que eu
nunca tiven ao Felipe diante dos ollos mais, nas longas singraduras o Averomar
faloume tanto del, que teño a súa imaxe mais clara que a de moitos que
navegaron nos mesmos buques ca min.
Soamente algunha aclaración ao contexto no que Mirequelledigo,
sitúa ao primo Filipe. A ilustración pertence á ermida de San Trocado, situada,
coma moitas outras na nosa terra, enriba dun castro prerromano. Outra
xustificación posible da súa situación, se recolle nunha lenda, na que uns
portugueses (a non esquecer onde está situado o lugar) roubaran unhas reliquias
en Celanova e ao chegares a este punto quedaron paralizados sen poder continuar
na súa fuga, por obra dun milagre de San Rosendo, fundador do Mosteiro de
Celanova.
O topónimo Verea pode indicar que o concello estaba
atravesado por unha antiga vía romana de carácter secundario, que saía de Aquis
Querquennis cara ao norte, entrando polo alto do Vieiro. O que é certo é que a
presenza romana é abundante e na bisbarra consérvanse restos megalíticos,
destacando unha necrópole de mámoas con cámara funeraria.
En Allariz hay una pedanía que se llama As Quintas de San Trocado, en la carretera vieja de Celanova.
ResponderEliminar