Mire que lle digo, Don Manoel! Ter unha gaita de
seu era o soño do noso Tiniño, e aínda que non tivera nin un real aforrado, por
mor do pouco e tarde que o Marcial lle pagaba, pobo no que tocaban onde houbera,
no propio pobo ou na contorna, un construtor de gaitas, o noso gaiteiro
procuraba a ocasión e o camiño para chegar ao taller e pasar aló o tempo que
tivera libre para emborracharse co recendo da madeira no torno, engaiolarse coa
metamorfose en punteiro dun anaco de madeira, e matinar como sería o sentir o
doce peso do ronco no ombreiro e o agarimo dos farrapos no lombo. E así pasaba
as horas, aparvado coma unha vaca mirando para o tren. E aínda que a miña memoria empeza
a ter xa mais lagoas que terra firme, lémbrome dalgúns dos construtores dos que me falou: Riobóo
na Estrada, Basadre en Guntín, Basilio Carril en Santiago, Paulino Pérez en
Lugo.
E, mire que lle digo Don Manuel! Que de ningunha
desas visitas faloume con mais emoción que cando colleu o camiño do Chao de
Pousadoiro para ascender, coma novo Ulises, ás fontes do son, as fontes da
auga; ao taller de Don Xosé Manuel Seivane Rivas. Pero desta visita xa falaremos
a vindeira semana mais devagar, que o tema o merece.
De pau de buxo se fai
roncón, soprete e punteiro,
o fol faise de contado
cun pelexo de carneiroFotografía de Don Xosé Seivane, cortesía dos seus fillos Álvaro e Xosé Manuel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario