Mire que lle digo, Don Manoel! Que eu ben que
andaría coma o piollo na costura co
resultado das votacións en Galicia, se pensara que o feito de ter xente da nosa
idea nun Parlamento, para levar a voz dos sen voz aos que non queren escoitar, servira
de algo. Pero xa me ten escoitado predicar abondo que a verdadeira revolución
comeza cambiándonos nos mesmos, e que non se pode troca-lo rumbo da historia
cambiando os retratos da parede. Nada cambia, porque tampouco cambiamos nos, a
aínda moitas cousas, coma o pouco coidado polo colectivo, ou desprezo dos
dereitos dos demais, nos resultan indiferentes, e xa sabe Don Manoel: sociedade
de borregos, goberno de lobos!
E mire que lle digo, Don Manoel, que a un, que é
vello mariñeiro, iso das Mareas ponme mais inquieto que o rabo de vaca nos mes
de agosto, coma se un peixe fora da auga, porque a marea, o mesmo que ten o seu
enchente, tamén ten o seu devalar, e digo eu que algo teremos que facer todos nos
para mantela chea, que o progreso das sociedades é a consecuencia de millóns de
pequenas accións de progreso que puideran parecer en se mesmas insignificantes!
Como di a copla:
Aínda que veño do xeito
Non veño de xeitear
Veño de larga-la rede
Alá no
medio do mar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario