venres, 13 de xaneiro de 2017

As cousas do querer!

Mire que lle digo, Don Manoel! O Tino sempre foi un rapaz garrido e baril, que gustaba moito das mozas, e delas era ben correspondido. Donoso e falangueiro, engaiolaba as rapazas coa súa presenza e retranca. Así andaba o noso Tiniño, coma abella nun campo de flores, ata que un día, tomando unhas fechas na baiuca da Praza Maior de Celanova, unha rapariga feituca coma se a fixeran de cera, que saía da misa das 12, rouboulle o corazón, e Tino xa non foi o mesmo. Deixou as festas e as romarías, e de beber na taberna pasou a mirar coma bebía outro na misa. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que aquilo houbera acabado con noso gaiteiro, se non fora porque un día cando ía entrar na igrexa o estaban os seus amigos ao agardar, burlos coma demos, para facerlle ler as monicións da voda da rapariga, que a familia amañara cun boticario de Xinzo. E o gaiteiro Marcial, que por alí andaba tivo a oportunidade que estaba a agardar.

Para pobre aprendo a xastre,
para rico a zapateiro,
para putañeiro, crego,
e para borracho, gaiteiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario