Para a Xuventude Comunista de Galicia
Mire
que lle digo, Don Manoel! Que será mellor que a xente nova deixe de facer coma
os cans, que onde lle fan a cama alí se deitan, e comecen a decatarse de que para
ter un mundo mellor compre primeiro entender este. Que a loita de clases non
rematou, que a riqueza da minoría nace da pobreza da maioría, e que as
conquistas dos traballadores, se non se loita a cotío por elas,son como lume de
palla: fai lumeirada e apaga logo. Paseniño, coma un sapo por entre as muruxas,
os samesugas do Capital propoñen solucións coma baixar os soldos, reducir as
prestacións, e subir o IVE, para facer medra-lo emprego. E, mire que lle digo,
Don Manoel, eles saben, mellor ca nos, que esas medidas xamais en toda a historia
económica deron ese resultado; ás avesas: o que se produciu foi menos consumo,
menos ingresos nos comercios e nas empresas, e mais traballadores ao paro. E eu
que son vello, pero sei que desta xente se pode ser tan amigo coma a cabra do
coitelo, penso que están a probar ata onde poden asfixiar ao pobo. E, mire que
lle digo!, Don Manoel, que estou a agardar que a corda se lles rompa e, entón,
non haberá Lei Mordaza que poida parar a ira da clase traballadora!
Ningún comentario:
Publicar un comentario