luns, 2 de xaneiro de 2017

Da amizade e outras doenzas do corazón.

Mire que lle digo Don Manoel! Que o bo que teñen os malos tempos e que fan fuxir aos falsos amigos, que algúns entenden a amizade coma unha lancha, grande abondo para dous cando fai bo tempo pero so para eles en caso de vendaval. Aínda que tamén é certo que non hai falsos amigos senón falsos que fanse pasar por amigos; porque queren obter algunha cousa de ti, ou porque necesitan alguén que os escoite, ou porque procuran a alguén ao que poidan sentirse superiores, ou mais afortunados, ou menos desgraciados. Hai tamén amigos de dirección única, que sonche aqueles que cando se trata de falar dos seus problemas poden pasarse horas esmiuzando cada intre, cada peripecia das súas mesquiñas vidas, pero que nunca teñen nin un minuto para escoitar os teus atafegos: cóllesme nun mal momento! Agora estou moi leado! Chámoche eu decontado e cóntasme polo miúdo!
E, mire que lle digo Don Manoel, que os amigos verdadeiros son coma a fermosura que non sempre está onde se pensa que a vas atopar, e coma a fermosura tamén, as mais veces está nos ollos que miran. Os verdadeiros amigos camiñan ao teu rente, encómiache ás túas costas e critícache na cara, e o que é mais importante, acólleche no seu peito cando mais o necesitas. O tempo descobre as mentiras mais ocultas e os amigos mais falsos, pero tamén che regala momentos inesquecibles.


Dedicado todos aqueles que saben que falo deles!

Ningún comentario:

Publicar un comentario