Mire que lle digo Don Manoel! Que xa estou máis
cansado que unha vella de mazar liño de que cada vez que perdemos unhas votacións,
volvan a quentarnos a cabeza con aquilo de que o pobo é sabio. E ser o será, que
non digo eu que nono sexa, mais sabio é cando estuda, cando pensa, e cando
actúa conforme a ese pensamento, que as veces pensa mais coa cabeza de abaixo
que coa de arriba. E non pense que eu, que tamén son pobo, non ando coa area no
zoco deses, novos profetas de vellas ideoloxías, que aínda que tiraran a
garabata, e se peitearan de xeito diferente, seguen a vender promesas que, en
canto toquen a cadeira, quedarán en auga de fregar, que o que ten prata, fode e mata.
E mire que lle digo Don Manoel! Que os partidos de
esquerdas temos tamén moita culpa diso; que entre cus de ferro e picos de ouro
así nos vai! E tampouco axuda moito a convencer á xente, o feito de que moita
da xente de esquerdas, defensores da educación e a saúde pública, manden aos
seus fillos a colexios privados de elite e contraten seguros de saúde privados,
que o pobo non quere saír dun souto para meterse noutro, e para escoitar
prédicas de “fai coma eu digo e non coma
eu fago” xa teñen aos curas. Nin tampouco que en troques de poñer a vista
en vencer ao inimigo común andemos encerellados decote en loitas cainistas que
ninguén entende. Resulta difícil cambiar a sociedade se non cambiamos antes
cada un de nos, iso temos en común cos anarquistas. Sen deixar as institucións,
concellos, e parlamentos, convencidos e convencendo de que cando alguén vota a
un ladrón por primeira vez é unha vítima, pero cando o vota por segunda vez é un
cómplice, e tendo claro que compre tomar o temón da nosa vida, non cada catro
anos, senón cada un dos días das nosas vidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario