Mire que lle digo, Don Manoel! Que se o Tiniño soñara
que co Marcial ía toca-la gaita polo mundo adiante, pouco tempo fíxolle falta para
decatarse do seu verdadeiro rol: tocar a caixa que o Chinto deixaba para
marchar na procura do seu recén descuberto pai en Santiago de Cuba. Alá foron as
ilusións do Tino; comezado e acabado como
camisa de enforcado, como di o refrán, aínda que moito prometeulle o
Marcial que aprendería ao seu carón, e que por veces deixaríalle tocar a el
cando a canseira e a mala vida no lle deixaran soprar, para que o Tino non
volvera atrás na súa decisión.
E dixen que o Chinto recén descubrira que tiña pai,
porque por orfo o venderon ao Marcial, a familia para a que traballaba coas cabras
no monte por pouco mais que teito e mantenza, cando a súa nai morreu dun cólico
miserere. Podería dicirse que o Chinto deixara daquela de coidar un fato de cabras
vivas no monte, para coidar ao dono duna pelica de cabra con tubos, polas festas
e romarías.
Ben sabía Marcial que o Tiniño era un pouco maior
de mais para empezar no oficio de tamborileiro, pero o rapaz era listo de mans e
levaba a música fincada no mais fondo do ser. E, que carafio! se algún golpe ía fora do sitio con
tal que o pulso mantivérase firme coma o bater dun corazón todo iría de novo ao
rego.
- Medir ben, Tino! Ese é o secreto! – Porfiaba o Marcial.
Menos mal que na tarefa de levar o pulso mallado, axudáballe
unha rapariga tísica que case que desaparecía detrás do bombo que percutía con
firmeza. E cada vez que o Marcial enguedellábase cos picados, repicados e
repinicados que copiara de
Modesto de Abavides, tiña
sempre a firme guía do latexar do bombo e o percutir da caixa.
A rapaza do bombo, da que nunca cheguei a saber o
nome, era filla de Marcial, e quedara ao seu coidado cando a súa nai, farta de
agardar polo gaiteiro, traballando as terras dos demais pola mantenza e pouco
mais, marchou con outro home.
E, mire que lle digo, Don Manuel, da filla do
Marcial, escoitaremos falar algunha vez mais nestas miñas lembranzas do Tiniño,
o gaiteiro que quixo ver o mar tan de preto que case que cústalle a vida.
-¿Onde tocaches, gaiteiro?
-Eu toquei de mar a mar.
-Moito andiveches, gaiteiro,
pouco
puideches tocar.
Sorber e soprar..... xa se sabe, Tiniño!!!!
ResponderEliminar