Mire que lle digo, Don Manoel! Cando o Tiniño chegou ao taller do Chao de
Pousadoiro, pareceulle que chegara ao ceo, e que o señor Seivane era, cando menos, San Xosé.
Non erraba moito, porque Xosé era, e a carpinteiro chegara, pola xenética, que seu
pai era ebanista, pero tamén por vocación. O entusiasmo do Tiniño debeulle traer
ás mentes a Don Xosé Seivane os seus anos mozos, cando fixo sen axuda de
ninguén a súa primeira gaita, sacando as medidas dunha que lle regalara o seu
pai cando era moi novo.
- Enredos
de nenos! – díxolle o ferreiro do pobo, cando pai e fillo foron canda il a
encargarlle as barrenas e mandrís para o rapaz.
Pero o futuro construtor de gaitas era teimudo, e
convenceu ao seu pai para facer entre os dous un torno daqueles do tipo bésta,
e nel fixo a primeira gaita, e saíulle moi ben. Cando isto escoitou o noso
Tiniño encheuse de gozo, pensando que se fora quen de facer gaitas de alcacén
tamén as podía facer de buxo. Mais, pouco dura a ledicia na casa do probe!,
cando o noso Xosé contoulle que a segunda xa non saíra tan ben, e o moito estudo
e moito esforzo que levoulle conseguir facer outras coa calidade da primeira!
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que non quero meter na boca máis do que se poida debullar, e
deixo para a semana moitas mais cousas que contoume o Tiniño de Don Xosé, do
seu servizo militar en Pontevedra, da banda de gaitas e de cómo afanarse para
gañar un mes de permiso.
O gaiteiro, sen á gaita,
non ten donaire nin sal;
fai como a muller sen roca
que
maldita cousa val.
Ningún comentario:
Publicar un comentario