mércores, 8 de febreiro de 2017

De corísticos e hipocorísticos

Mire que lle digo, Don Manoel! Que sen ánimo de amolar, que non está iso na miña condición, a palabra corístico aplicada coma relativo a un coro, non é mal invento, que aínda que sexa un termo inexistente tanto en castelán coma en galego, soa mellor que coral, que, non sei ben por que, tráeme as mentes un lavalouza. E xa postos a inventar podemos dicir que un corístico é un hipocorístico que baixou do cabalo!

É unha chanza, Don Manoel, que ben sei que un hipocorístico é un xeito de chamar a alguén con afecto ou cariño; nome de chamar con voz suave, coma traducía Don Antón, o profesor de grego que as veces toma as cuncas con nos. Ao que por certo se non conto mal, gánalle vostede por pouco, pois, Antón ten os de Tonecho, Tocho, Tucho, Toneco, Toño, Totó, Ton, Tono, Toni e Toniño; dez. Manoel os de Manolo, Lolo, Locho, Manecho, Nel, Lelo, Nelo, Manel, Maneco, Neco, Manu e Nocho, o do seu pai; doce. Tamén están ben servidos Francisco, con Farruco, Fuco, Pucho, Paco, Pacucho, Chuco, Panchulo, Fran, Rucho, Pancho e Chico, e Xosé, que ten os de Pepe, Che, Cheíño, Piño, Pucho, Pepote, Cheíño, Cheché, Xo, Xose e Se.


E mire que lle digo, Don Manuel! Que ben se mira que os homes somos menos agarimosos, que os hipocorísticos de muller sonche moitos menos. Lola, Loló, Lolecha e Loli, para o da súa muller Dolores; Sabela, Belucha, Beliña, Chabela, Beluca, Sabel, Bel, Isa e Belisa para os da súa amiga Isabel; e Pepa, Sefa, Sesa, Chefa, Pepucha, Fina, Finuca, Finucha e Sesé, para os da súa irmanciña pequena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario