Mire que lle digo, Don Manoel! A morte do Xan de debaixo da cama, foi para o
pensamento do noso Tiniño coma botar toxo no lume. Se xa quedara amoucado
abondo co do seu accidente, o de Xan, ao que tiña moita estima, meteulle un
coitelo de xeo no corazón e unha andavía, daquelas que se poñen nas árbores
para escorrenta-los paxaros, na cabeza. Amaba fondamente o mar, tiña ben gañado
o seu alcume de Averomar, mais, tamén
amaba á gaita por riba de case que tódalas cousas, e coma toca-la gaita cunha
man de menos? No Mercy Hospital de Cork tiña tempo abondo e o necesario sosego para
decatarse que o mar é unha amante furiosa, que, coma dicía Frei Antonio de Guevara:
“… a ninguén convida, a
ninguén engana para que nela entren, nin dela se fíen; porque a todos amosa a monstrosidade
dos seus peixes, a profundidade dos seus abismos, a inchazón das súas augas, a
contrariedade dos seus ventos, a bravura das súas rochas e a crueldade das súas
treboadas; de xeito que, os que alí pérdense, nono fan por non ser avisados,
senón por uns moi grandes loucos.”
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que no cambio de
rumbo que o noso Tiniño ía dar na derrota da súa vida pouco tiveron que ver os
freires e moito os coidados dunha certa enfermeira de louros cabelos da que xa
lle falara.
Vivan los cabellos rubios
Vivan los rubios rubiales
Vivan los de mi morena
Que son rubios naturales
Ningún comentario:
Publicar un comentario