venres, 17 de febreiro de 2017
E vostede de quen ven sendo?
Mire
que lle digo Don Manoel! Así que vostede ven sendo o fillo do Director do banco
da Alameda! Daquela era o Banco Hispano Americano, Sucursal de Bouzas, e hoxe o
Banco de Santander, que para que non haxa dúbidas ten un logo coas chamas do
inferno, e uns donos de nome corsario: Botín; que a mais de calzado alto que cobre o pé e o tornecelo
quer dicir ganancias obtidas a través dun
roubo, atraco, estafa ou extorsión e que é repartido entre os criminais que os
cometen. Piratas daquela e piratas hoxe, que por moito que nos conten as
películas, a empresa filibusteira non era comunitaria senón capitalista. E uns
e outros, corsarios e banqueiros, teñen o seu código de comportamento, o que os piratas
chamaban as regras do diaño. Unha
parte do roubado vai para o monarca que deu a patente de corso. Outra para o
dono do barco. Outra para a Igrexa para que rezase polas súas almas. E as que
cadraran para o capitán. Do resto do botín, deducidos os gastos, a comida, se
non se roubaba, o soldo carpinteiro e o do cirurxián, media parte para os
aprendices; unha parte para cada mariñeiro e dúas para o contramestre. E, mire
que lle digo, Don Manoel! Tampouco é que os filibusteiros de hoxe sexan tan
diferentes aos de onte coma un ovo a unha castaña; cuspidiños, mais ben, coma
unha filla e a súa nai!
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario