Mire que lle digo, Don Manoel! Aos catro días de andar por esas feiras e romarías, ao noso Tiniño, aínda non Averomar, que para iso quéda moita trama por diante, o seu namoramento da Miragres, xa lle parecía froito dun pesadelo, ou aínda dun meigallo. Como senón podía un rapaz de aldea, coma el, namorar dunha rapariga fachendosa da burguesía vilega! E cunha nai sobriña do Deán de Compostela, católica a ferro e fariña! E cun pai borrachón e putañeiro, que afundiu a fortuna das dúas familias, encerellado sempre en negocios absurdos dos que sempre ía a saír millonario! Que ás veces para ver as cousas con claridade compre afastarse un pouco delas! E iso fixo o Tino: marchou por esas terras adiante co gaiteiro Marcial, que vira naquel rapaz o sustento da súa vellez cando o alento non lle chegara para encher o fol. E mire que lle digo, Don Manoel! Que o Marcial non é que xa tivera moitos folgos para cantar, pero non pasara nin unha semana co Tiniño acompañándolle na caixa, cando colleu a todo o torreiro por sorpresa, entoando con voz baril aquela cantarea que di:
Mais son un probe gaiteiro,
mais son un gaiteiro probe!
Quéimame o sol no agosto,
móllame a choiva, si chove!
Un probe gaiteiro eu son,
pequeniño e soñador.
Teño por mestre de música
o merlo máis silbador!
Ningún comentario:
Publicar un comentario