Mire que lle digo, Don Manoel! Que todo o que ten que chegar, chega, aínda
que, ás veces, sexa coma o do boi de Laíño, que tanto tardou, que morreu no
camiño. E de doenzas e mortes vai o conto de hoxe, que ía aló xa un ano e o
noso Tiniño seguía coa caixa no cinto e “sen pillar a gaita mais que para
mexar”. E a paciencia non era a maior virtude do noso Tino, que cando as cousas
andaban tortas podía ser máis repugnante que un porco debaixo do brazo! E cada
vez que preguntáballe ao gaiteiro cando ía deixarlle tocar a gaita a il,
Marcial dicíalle:
- Todo
se andará, Tino. Non queiras ser coma o Xan do Outeiro, que estivo tres días
solteiro.
Ao noso Tiniño, aquilo do Xan do Outeiro sabíalle
a corno queimado, pero tiña que se afacer, porque para chegares a gaiteiro
necesitaba ter gaita de seu, e unha gaita daquela custaba preto de mil pesetas,
cartos que, co que lle pagaba o Marcial, non daría aforrado en toda unha vida.
Pero, mire que lle digo, Don Manoel, que as cousas da vida, como ben sabía o
Ditador, teñen unha tendencia natural a arranxarse por se mesmas!
Xan do Outeiro toca a gaita
e a muller o violín;
os fillos andan dicindo:
miña
nai, nunca tal vin!
Boa historia.... xa sabía eu que de alguén, herdóu o Mariano o da tendencia natural das cousas a arranxarse por si mesmas....
ResponderEliminar