venres, 3 de febreiro de 2017
Proposta de nome para o Día da Raza
Mire
que lle digo Don Manoel! Que eu son mais de matria que de patria, mais de nai
agarimosa que de pai que fai garda xunto aos luceiros, mais a celebración do
día de hoxe dáme calafríos, lle poñan o nome que lle poñan. Os falanxistas
falaban de Día da Raza, aínda que nunca tiven moi claro a que raza facían o
homenaxe, á raza indíxena, á raza invasora ou a raza cabalar, orixe da
supremacía militar da segunda riba da primeira. Outros, sinaladamente os do
alén mar, falaban de Día do Descubrimento, se pensar que non houbo tal
descubrimento senón invasión, conquista a ferro e lume, e escravitude, cousas
todas que non son moi de celebrar. Logo inventaron un termo, a Hispanidade, que
tampouco era moito mellor, pero que polo menos pretendía sinalar as semellanzas
culturais entre os países que tiñan a mesma fala. Hoxe falan de Festa Nacional,
pero para min segue a ser unha festa de armas e uniformes, e de desfiles de descerebrados
seguindo a unha cabra, ao compás da música militar, que coma lle teño escoitado
dicir, é un contrasentido coma intelixencia militar ou xustiza militar. E mire
que lle digo Don Manoel, que se o sucedeu o 12 de outubro de 1492 foi o avistamento
de terra polo mariñeiro Rodrigo de Triana, non quedaría mal coma Día das
Ópticas.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario