xoves, 16 de febreiro de 2017

Xan de Outeiro, que estivo tres días solteiro

Mire que lle digo, Don Manoel! Que todo o que ten que chegar, chega, aínda que, ás veces, sexa coma o do boi de Laíño, que tanto tardou, que morreu no camiño. E de doenzas e mortes vai o conto de hoxe, que ía aló xa un ano e o noso Tiniño seguía coa caixa no cinto e “sen pillar a gaita mais que para mexar”. E a paciencia non era a maior virtude do noso Tino, que cando as cousas andaban tortas podía ser máis repugnante que un porco debaixo do brazo! E cada vez que preguntáballe ao gaiteiro cando ía deixarlle tocar a gaita a il, Marcial dicíalle:

-  Todo se andará, Tino. Non queiras ser coma o Xan do Outeiro, que estivo tres días solteiro.

Ao noso Tiniño, aquilo do Xan do Outeiro sabíalle a corno queimado, pero tiña que se afacer, porque para chegares a gaiteiro necesitaba ter gaita de seu, e unha gaita daquela custaba preto de mil pesetas, cartos que, co que lle pagaba o Marcial, non daría aforrado en toda unha vida. Pero, mire que lle digo, Don Manoel, que as cousas da vida, como ben sabía o Ditador, teñen unha tendencia natural a arranxarse por se mesmas!

Xan do Outeiro toca a gaita
e a muller o violín;
os fillos andan dicindo:
miña nai, nunca tal vin!

1 comentario:

  1. Boa historia.... xa sabía eu que de alguén, herdóu o Mariano o da tendencia natural das cousas a arranxarse por si mesmas....

    ResponderEliminar